Saltar al menú principal
Saltar al contenido

Donativo

Donativo

Mediante o donativo, calquera persoa, física ou xurídica, pode contribuír á mellora e ao enriquecemento do conxunto documental depositado na Biblioteca Nacional. Grazas a esta participación social, asegúrase a conservación do legado cultural e unha colección máis rica e completa para os que nos sucedan.

Os doadores poden entregar calquera material bibliográfico da súa propiedade, moderno ou antigo, exemplares singulares ou bibliotecas organizadas, ou poden subvencionar, sobre todo no caso das persoas xurídicas, a compra de orixinais concretos de interese, inexistentes na Biblioteca.

A Biblioteca Nacional ten especial interese en recibir documentos que non posúa en calquera tipo de soporte, impresos ou producidos fóra de España, que traten sobre a civilización española e iberoamericana, en tanto que se relacione con España, así como calquera outro que se adecúe á natureza da súa colección.

Carecen de interese, pola contra, exemplares fotocopiados, capítulos de libros ou artigos de revistas cuxos orixinais completos xa estean na Biblioteca, autoedicións en CD, así como libros ou documentos impresos ou producidos en España que ingresaron xa grazas á normativa do depósito legal.

Antes de facer a entrega do donativo, faga a proposta cubrindo o  modelo de escrito  para tal efecto e espere a contestación da Biblioteca, que recibirá o antes posible.

Os donativos que ingresan na Biblioteca Nacional pasan a formar parte do patrimonio español e o doador, nos casos establecidos pola normativa en vigor, benefíciase da correspondente desgravación fiscal.

Recíbense regularmente publicacións oficiais de Estados Unidos, Alemaña e Bélxica, en cumprimento de acordos internacionais, para contribuír á súa máis ampla difusión e doado acceso.

Para calquera consulta ou aclaración sobre donativos, envíe unha mensaxe a: correo electrónico