Imaxe do Boletín de Actividades Culturais
A Biblioteca Nacional ofrece aos seus visitantes unha programación cultural permanente, gratuíta e aberta a todos os públicos, que inclúe exposicións, conferencias e debates, ciclos mensuais en relación cos libros, a poesía e o cine, e publicacións e catálogos que poden adquirirse na Tenda Libraría.
O vestíbulo cultural, ao que se accede pola planta baixa do edificio, serve de entrada a todos os espazos culturais da Biblioteca: Salón de actos, Salas de exposicións, Museo da Biblioteca e Tenda Libraría. Nel hai, ademais, diferentes puntos de información.
A área cultural está aberta ao público de martes a sábado de 10 a 21 horas e os domingos de 10 a 14 horas. Para máis información, poden consultar o calendario anual.
Exposicións
Foto da fachada principal da Biblioteca Nacional
A Biblioteca Nacional ofrece normalmente, agás en períodos de montaxe, dúas exposicións: unha na Sala Recoletos e outra na Sala Hipóstila.
Estas mostras, de temática variada, intentan, principalmente, difundir os fondos e coleccións da Biblioteca Nacional, e prestan especial atención á exposición de obras en formato papel: libros, gravados, debuxos, carteis, fotografía, mapas e publicacións periódicas.
Para máis información sobre as exposicións: correo electrónico.
Actividades culturais
Imaxe da vitrina do Museo da Biblioteca Nacional co facsímile do Beato de Liébana
A ampla programación de actos culturais pode consultarse na axenda de actividades, que proporciona a información mensual. A Biblioteca Nacional edita e distribúe un boletín de actividades. Pode subscribirse a súa edición electrónica.
As actividades culturais que programa a Biblioteca Nacional están orientadas a tres obxectivos:
- Dar a coñecer a importancia das bibliotecas e o traballo que realizan os bibliotecarios e, en particular, a función da Biblioteca Nacional como depositaria da memoria cultural, histórica, científica e artística de España.
- Difundir os fondos custodiados na Biblioteca Nacional, ben nas nosas propias instalacións, ben en museos, salas e bibliotecas de España e o estranxeiro.
- Converter a Biblioteca Nacional nun espazo de permanente actividade cultural en torno á arte e a cultura, foro de iniciativas e debates, sempre de alto nivel, que xunto coa conservación do legado do noso pasado reflicta a condición de institución central e viva da cultura española, atenta ao mundo actual.
Para máis información sobre actos culturais: correo electrónico.
Museo
O Museo da Biblioteca aumenta a oferta cultural da Biblioteca Nacional, e a súa visita é unha oportunidade para coñecer tanto as funcións coma os fondos máis valiosos que custodia a institución; ademais, suma á programación de actos culturais actividades escolares e xuvenís, así como talleres para familias e para o público xeral.
Para máis información sobre as actividades do Museo da Biblioteca Nacional: correo electrónico.
