Saltar al menú principal
Saltar al contenido

Más información

Portadas de revista

A Hemeroteca Dixital forma parte do proxecto Biblioteca Dixital Hispánica, que ten como obxectivo a consulta e difusión pública a través de Internet do patrimonio bibliográfico español conservado na Biblioteca Nacional.

Esta Hemeroteca nace en marzo de 2007 para proporcionar acceso público á colección dixital de prensa histórica española que alberga a Biblioteca, cunha colección inicial composta por 143 títulos de prensa e revistas. A oferta de títulos foise ampliando, actualmente ofrece 2.411 títulos e supera os 68 millóns de páxinas.

Continuará medrando, conforme nos permita o presuposto, para cubrir a evolución histórica das revistas e cabeceiras de prensa españolas, dende os seus inicios ata case mediados do século XX, respectando sempre as limitacións que marca a nosa lexislación en temas de propiedade intelectual.

O criterio que guiou a composición desta colección foi seleccionar xornais e revistas representativos da súa época, que reflectisen a riqueza temática da edición hemerográfica hispana e dos que se conservasen coleccións completas. Así pois, os que visiten a hemeroteca encontrarán prensa política satírica, humorística, científica, relixiosa, ilustrada, amena, deportiva, artística, literaria, etc.

En 2011 incorporáronse dúas novidades fundamentais que afectaron directamente a Hemeroteca Dixital. Por un lado, posibilitouse a consulta conxunta dos rexistros de Biblioteca Dixital Hispánica (BDH) e de Hemeroteca dende a interface de BDH, e por outro lado desenvolveuse un interface específico que incorporaba funcionalidades 2.0.

En 2012 púxose en produción unha nova versión da aplicación de Hemeroteca Dixital, que cumpre cos estándares internacionais OAI (Open Archives Initiative) e EUROPEANA, ademais dalgunhas melloras na interface de busca para facilitar a súa consulta.

A aplicación que xestiona a colección permite buscar tanto un título concreto coma un conxunto de publicacións editadas nun lugar ou nunha data determinada. Dende a pantalla de resultados accédese á lectura dos textos dixitalizados, tanto marcando as imaxes en miniaturas coma enlazando dende as siglas PDF.

O formato das publicacións dixitais é PDF con OCR, o que permite buscar calquera tema que se desexe no texto da publicación. Grazas a estas novas posibilidades de busca textual, a Hemeroteca Dixital convértese nunha magnífica ferramenta para a investigación.

Esta colección dixital nace coa intención de se converter nun referente para a investigación e consulta tanto das revistas coma da prensa histórica española. Ademais de proporcionar a lectura e consulta dos textos, ofrece información sobre as principais coleccións hemerográficas dixitais, facilitando deste modo o coñecemento e acceso ao aínda en parte inexplorado “patrimonio hemerográfico español”.