O extenso patrimonio da Biblioteca
A colección da Biblioteca está formada por máis de 30.000 manuscritos, preto de 3.000 incunables, uns 500.000 impresos anteriores a 1831, máis de 6.000.000 de monografías modernas, preto de 110.000 títulos de revistas e unha colección de prensa estimada en case 20.000 periódicos. A colección de partituras impresas e manuscritas consta de máis de 500.000 obras, os documentos sonoros nos diversos formatos depositados na Biblioteca superan os 550.000 exemplares e a colección de audiovisuais contén máis de 80.000 volumes.
Algunhas delas permanecen reunidas; outras, foron distribuídas en varios depósitos, xeralmente por problemas de espazo. Actualmente, consérvanse en dous edificios, situados en Madrid e Alcalá de Henares, e están dispoñibles en ambas as dúas sedes.
Gravados e debuxos
Velázquez, Diego (1599-1660). Cabeza de muchacha
A colección de gravados, debuxos, carteis e fotografías abrangue: máis de 100.000 estampas soltas e outros 600.000 gravados incluídos en libros; máis de 45.000 debuxos orixinais (razón pola que é unha das coleccións de debuxos máis importantes do país pola calidade e cantidade dos deseños que a compoñen), preto de 800.000 carteis e máis de dous millóns de fotografías; ademais, as coleccións de Ephemera e Ex libris reúnen preto de duascentas mil imaxes que presentan unha gran variedade en canto á súa tipoloxía, temática e técnica.
A colección de debuxos orixinais da Biblioteca Nacional, que se conserva no Servizo de Debuxos e Gravados, reúne máis de 20.000 obras e é unha das máis importantes do país, tanto pola calidade coma polo volume dos seus fondos.
Entre os debuxos de escola española, a obra orixinal de artistas como El Greco, Velázquez, Alonso Cano, Murillo, Claudio Coello, Paret, Salvador Carmona, Ventura Rodríguez, Villanueva, Goya, Alenza e Fortuny, entre outros, convive coa de artistas das últimas vangardas como José Caballero, Julio González, Vázquez Díaz, Benjamín Palencia, Manolo Millares, Eusebio Sempere, etc.
As coleccións cartográficas
L´Espange Triomphante sous le regne de Philippe V. París, 1705
O Servizo de Cartografía conserva unha importante colección de fondos cartográficos antigos e modernos de todo o mundo, con máis de 134.000 mapas, aínda que o maior número corresponde a España; atlas e obras especializadas en Cartografía, Xeografía, Astronomía, descrición de países e viaxes, e unha colección de máis de 500.000 postais de cidades e lugares xeográficos.
O Servizo de Cartografía da Biblioteca Nacional ten a súa base documental orixinaria nos fondos procedentes da Biblioteca Real e as coleccións cartográficas do Antigo Gabinete. O seu núcleo principal estaba constituído pola denominada Colección Mendoza, os mapas realizados pola Familia López e a colección de mapas manuscritos, que constitúen os fondos de mapas antigos.
A colección Cervantes
Ilustración de O Quixote por Miciano
A colección Cervantes componse de vinte e seis edicións de O Quixote impresas en castelán no século XVII e de valiosas edicións do século XX, sen que falten as curiosidades de todo tipo: imitacións, continuacións, obras teatrais de asunto cervantino, estudos, conferencias, catálogos, bibliografías, etc.
Na actualidade a colección esta formada por 5.146 volumes e 50 caixas de folletos baixo a sinatura Cerv., e 8.853 volumes e 138 caixas baixo a sinatura Cerv. Sedó.
