Saltar al menú principal
Saltar al contenido

Depósito legal electrónico

O 10 de xullo de 2015 o Consello de Ministros aprobou o Real decreto que regula o depósito legal das publicacións en liña. Este Real decreto desenvolve a Lei 23/2011, do 29 de xullo, de depósito legal, na que se consideran por primeira vez obxecto de depósito legal os sitios web e as publicacións en liña.

Son obxecto de depósito legal todo tipo de sitios web e as publicacións neles contidas, sempre que conteñan patrimonio bibliográfico, sonoro, visual, audiovisual ou dixital das culturas de España.

Dadas as especiais características deste tipo de publicacións e a imposibilidade de ser exhaustivos na súa captura, almacenamento e preservación nas condicións tecnolóxicas actuais, o texto legal introduce unha serie de novidades con respecto á regulación do depósito legal das publicacións en soporte tanxible:

  • A iniciativa do depósito non está nos editores, senón nos centros de conservación (a Biblioteca Nacional de España e os designados polas CC.AA. no ámbito das súas competencias), que determinarán as prioridades no patrimonio documental en liña a preservar.
  • Non se asignará número de depósito legal ás publicacións en liña.
  • Para o ingreso destas publicacións nos centros de conservación como depósito legal, prevense varias vías:

- A captura automática por medio de robots que recollen a web, para aqueles sitios web e publicacións contidas neles que estean libremente accesibles en internet.

- No caso de publicacións protexidas con usuario e contrasinal ou non capturables automaticamente (bases de datos, ebooks...), os editores e os centros de conservación acordarán a forma máis eficaz e sinxela para ambas as dúas partes de facer o depósito.

  • A obriga dos editores e produtores de contido en liña limítase a deixar que os centros de conservación recollan as súas publicacións ou a facilitar o depósito cando estes llo soliciten.

O acceso ás publicacións ingresadas por esta vía respectará escrupulosamente a lexislación en materia de propiedade intelectual e de protección de datos de carácter persoal.

As preguntas relacionadas co tema poden enviarse a: archivoweb@bne.es