Saltar al menú principal
Saltar al contenido

Historia da colección

1. Debuxos

Dibujo género. El discurso

A importante e extensa colección de debuxos con que conta a BNE, e que a fai unha das principais coleccións de debuxo a ámbito internacional, se formou ao longo do tempo e é un elemento vivo en constante crecemento, froito das adquisicións, intercambios e doazóns que van chegando e enriquecen estes fondos, co obxectivo de dar a coñecer a evolución do debuxo ao longo do tempo.

Grazas ao labor do primeiro responsable da Sala de Estampas, Isidoro Rosell (1868-1878), procedeuse á separación do material gráfico disperso nas coleccións procedentes da Biblioteca Real, o que deu lugar a unha colección propia que se conformou na nova Sala de Estampas, na que se incluíu a compra realizada polo Estado ao coleccionista Valentín Carderera en 1867. O intercambio de estampas duplicadas a outros coleccionistas, como o pintor e coleccionista Manuel Castellano, contribuíu a enriquecer a colección de recente creación.

En 1899 tamén ingresaron máis de 1.000 debuxos procedentes da colección formada por José de Madrazo e que, á súa morte, se repartiu entre os seus herdeiros.

Durante todos estes anos seguiron adquiríndose debuxos e, durante a xestión do substituto de Rosell, Ángel M.ª de Barcia, conseguíronse importantes doazóns que o propio Barcia ía reflectindo na Revista de Arquivos, Bibliotecas e Museos, entre as que destacan as de Rafael Moleón e Rogelio Egusquiza.

En 1904 ingresan na Biblioteca os debuxos de Eugenio Izquierdo sobre temas non botánicos que había na súa biblioteca, depositada no Museo de Ciencias Naturais.

Pouco a pouco, o corpo da colección vaise nutrindo e os posteriores bibliotecarios responsables dela non deixan de escatimar esforzos por alimentala e procurar o seu crecemento.

Despois da Guerra Civil ingresaron os debuxos procedentes da Xunta de Incautación e Recuperación de obras de Arte que non foran reclamadas polos seus propietarios e, en 1951, Henriette Nigrin, viúva de Mariano Fortuny Madrazo, realiza a doazón dalgúns dos seus debuxos e moitos dos do seu pai, Mariano Fortuny Marsal.
 

Dibujo infantil. Bombardeo

Durante a segunda metade do século XX, séguense a adquirir unha gran variedade de obras, dende debuxos cervantinos e debuxos de artistas contemporáneos ata debuxos de nenos que estiveron nas colonias escolares de verán de 1936 e 1937. Ademais, recíbese o fondo gráfico da disolta Sección de África, cómpranse debuxos orixinais para contos dos anos 40 e 50, e hai un forte pulo das doazóns, coa recepción de fondos tan importantes como os de Antonio Fernández Alba e Secundino Zuazo, compostos por miles de planos e debuxos de arquitectura, así como as voluminosas doazóns de humoristas gráficos como Chumy Chúmez, Peridis e Forges, entre outros.

2. Fondos

Dibujo religioso. San Jerónimo

A colección de debuxos orixinais da Biblioteca Nacional, que se conserva no Servizo de Debuxos e Gravados, é unha das máis importantes do país, tanto pola calidade coma polo volume dos seus fondos, que comprenden máis de 80.000 obras dende o século XV ata a actualidade.

Entre os debuxos da escola española, a obra orixinal de artistas como El Greco, Velázquez, Alonso Cano, Murillo, Claudio Coello, Paret, Salvador Carmona, Ventura Rodríguez, Villanueva, Goya, Alenza e Fortuny, entre outros, convive coa de artistas das últimas vangardas coma José Caballero, Julio González, Vázquez Díaz, Benjamín Palencia, Manolo Millares, Eusebio Sempere, etc.

Entre a numerosa representación de debuxo italiano dos séculos XVI ao XIX destaca a obra de artistas como Vincenzo Casale, Arcimboldo, Aniello Falcone, Guido Reni, Bernini, Luca Giordano, Giambattista Tiepolo, Piranesi e Maratti. En canto ao debuxo portugués, consérvase no Servizo de Debuxos e Gravados da Biblioteca Nacional unha obra mestra do s. XVI, De Aetatibus Mundi Imagines, de Francisco de Holanda. Por último, xunto a estas escolas con maior representación, custódiase, ademais, unha selección escollida de debuxo francés (Claudio de Lorena, Charles de la Traverse...), e unha pequena mostra de debuxo alemán, flamengo e holandés.
 

Dibujo arquitectura. Orden dórico

Dende un punto de vista temático, a colección é moi variada. Aínda que predominan os temas relixiosos, hai un valioso fondo de debuxo arquitectónico e de ornamentación que dende o s. XVI chega ata os nosos días, sen esquecer os temas mitolóxicos, históricos, as escenas de xénero, academias, retratos, vistas e paisaxes, debuxos para ilustracións de obras literarias, cómics, mobiliario, xoiaría, prataría, touros, etc.

Así mesmo, a variedade técnica permite facer un trazado de todos os medios empregados no debuxo, como a pluma, o lapis negro, a augada ou a sanguina ata o debuxo por ordenador.

Un dos fitos na conservación desta colección tan importante de debuxos é a elaboración por Barcia do Catálogo de la colección de dibujos originales de la Biblioteca Nacional publicado en 1906. Catálogo aínda en uso a ámbito internacional, que recolle a descrición de máis de 10.000 debuxos organizados por escolas e autores. A aproximación de Barcia, en moitos casos con atribucións e datacións, cos medios e recursos que se dispoñían nese momento, é dunha precisión admirable.

Baixo a dirección de Enrique Lafuente Ferrari (1930-1942), comezáronse a publicar artigos sobre os fondos da Sección de Estampas e Belas Artes, a organizarse exposicións e editar catálogos, labor de difusión que non deixou de facerse ata a data, algúns deles accesibles a través de Internet. Ademais procedeuse á reestruturación dos fondos e a organización do traballo para a súa catalogación, o que deu lugar ao inventario formal dos debuxos salientados no catálogo de Barcia.

A mediados do século XX inventariáronse outros miles de debuxos que non constaban no catálogo de Barcia, denominados Adicións a Barcia (AB), e formáronse os ficheiros fotográficos de todos os debuxos que había nese momento e que aínda hoxe seguen á disposición do público na Sala Goya.
 

3. Na nube

Dibujo mitológico. Hero y Leandro

A catalogación dos fondos segue a normativa internacional vixente conforme as normas de catalogación ISBD consolidadas segundo o formato Marc21. Dende os anos 80 veuse traballando na disposición do catálogo automatizado dos fondos. Este é un catálogo en liña en continuo crecemento segundo se procesan os fondos, e en continua actualización, grazas ás achegas de usuarios e expertos na materia.

Ademais, cóntase con máis de 12.000 debuxos dixitalizados, dos cales o 88% forma parte do fondo antigo e é de dominio público. Estes están accesibles a través da Biblioteca Dixital Hispánica mediante unha busca tradicional ou ben facetada por coleccións.

Outro dos proxectos máis recentes da BNE é o Arquivo da Web Española, mediante o que se pretende recoller o patrimonio documental español en Internet. Dende esta ferramenta pódese acceder a unha colección especializada en Belas Artes, na que se encontran as páxinas de artistas e as súas obras para poder acceder segundo eran no momento da recolección.

Outra das ferramentas que se está a empregar para a difusión dos debuxos é a app Second Canvas, coa que se busca difundir as obras mestras da BNE, entre as que se encontran algúns debuxos en alta resolución con comentarios sobre os seus detalles, o autor e o seu contexto.

Por todo iso, esta colección é unha fonte inestimable non só para o estudo do debuxo, senón para a Historia da Arte, a Ilustración ou o Papel, entre outros.