Saltar al menú principal
Saltar al contenido

Xeografía e mapas

Mapas modernos

A Biblioteca Nacional recibe a través de Depósito legal, dende 1958, todos os mapas que se publican. Son os mapas, tanto en folla solta coma formando series, publicados por organismos oficiais, entidades públicas e privadas ou Comunidades Autónomas.

As series e coleccións de mapas modernos máis importantes son:

1. Mapas topográficos

  • Mapa Topográfico Nacional. Elaborado polo Instituto Xeográfico Nacional. Recíbense e consérvanse as series do Mapa Topográfico Nacional dende o comezo da súa publicación en 1875, nas súas escalas 1:25.000 (edicións 1ª, 2ª e 3ª, e 1ª a 4ª dixitais) e 1:50.000 (edicións 1ª a 8ª, e 1ª dixital).
  • Producidos tamén polo propio Instituto recíbense e consérvanse as series de ortofotomapas con escalas 1:10.000 e 1:25.000.
  • Mapas topográfico-militares. Elaborados polo Servizo Xeográfico do Exército. A colección reúne e conserva as distintas series básicas, con escalas dende 1:250.000 a 1:10.000, nas súas diferentes subseries: mapas de mando, mapas xerais, planos especiais, planos directores, etc. Todos estes mapas abranguen dende 1933 ata o ano en curso.
  • Mapas xeolóxicos. Elaborados polo Instituto Xeolóxico de España. Recíbense e consérvanse todas as series dende o seu inicio en 1866 ata a actualidade, entre elas a serie do Mapa Xeolóxico Nacional de España en todas as súas escalas, do 1:50.000 ao 1:400.000.
  • Producidos polo mesmo organismo, recíbense outros mapas temáticos: mapa xeomorfolóxico, mapa hidroxeolóxico, mapa metaloxenético, etc.

2. Cartas náuticas

Elaboradas polo Instituto Hidrográfico da Mariña. Recíbense e consérvanse as cartas cuxa zona de cobertura son as costas de España, zonas do Atlántico e Mar Mediterráneo. A Carta de Navegación Costeira, escala 1:50.000, constitúe a carta náutica base que cobre todo o litoral nacional. Tamén se conservan cartas xerais de arrumbamentos, aproches e derroteiros, con escalas entre 1:30.000.000 e 1:12.500, e cartas destinadas á navegación deportiva, que abranguen todas as costas españolas.

3. Outras series temáticas

Recíbense tamén as series publicadas polo Ministerio de Agricultura: Mapa de Cultivos e Aproveitamentos, escalas 1:50.000 a 1:200.000; Mapa de Clases Agrolóxicas, escala 1:50.000; Mapa de Series de Vexetación, escala 1:400.000, e Mapa Forestal de España, escalas 1:400.000 e 1:200.000.

4. Mapas publicados polas Comunidades Autónomas

Actualmente todas as Comunidades Autónomas publican as súas propias series cartográficas, tanto de cartografía básica ou topográfica coma de cartografía temática. Tamén publican series elaboradas con novas tecnoloxías, coma ortofotomapas, ortoimaxes, ortomosaicos, etc.

Entre os centros cartográficos autonómicos, destacan pola súa actividade e produción o Institut Cartogràfic de Catalunya, o Instituto de Cartografía de Andalucía e o Servizo Cartográfico Rexional de Madrid.

5. Cartografía dixital

A Biblioteca Nacional conserva unha pequena pero crecente colección de cartografía en CD-ROM que está en fase de descrición para poder ser utilizada na Sala de Consulta.

Bibliografía e catálogos

  • Bibliografía española: cartografía. Desde 1980 hasta la actualidad.