Saltar al menú principal
Saltar al contenido

Historia da colección

1. Historia da colección

En 1868, o Estado adquire a colección de gravados, debuxos e libros con gravados que ao longo da súa vida reunira o pintor Valentín Carderera, e destina esta colección á Biblioteca Nacional. Con este motivo, créase unha Sala de Estampas onde se conservarían estas obras e as do mesmo xénero que había dispersas pola Biblioteca. A este fondo Carderera uníronse as estampas soltas e as que había en libros con gravados na antiga Biblioteca Real.

En 1880 cómpranse a José María Galván unha serie de debuxos e probas de estado das súas estampas máis famosas. O mesmo ano, o sobriño e herdeiro do pintor Manuel Castellano vende á Biblioteca preto de seis mil gravados que pertenceran a este gran coleccionista. En 1904 ingresan as estampas e libros con gravados da chamada Colección Izquierdo que Eugenio Izquierdo comprara en París.

Outras doazóns moi importantes son as de gravados de Ricardo Baroja en 1910, e en 1951 a viúva de Mariano Fortuny Madrazo lega á Biblioteca Nacional unha carpeta con gravados do seu marido e outra de Mariano Fortuny Marsal, estampados polo primeiro.
En 1968, xunto coa biblioteca do coleccionista Juan Sedó Peris Mencheta, compráronse os seus debuxos e gravados de temas cervantinos. En 1975 ingresan na Sección dous coleccións moi importantes de estampas de devoción: a que doou D. Florentino Zamora e a que se comprou á morte de D. Isidro Albert.

No ano seguinte, 1976, a Calcografía Nacional entrega un centenar de estampas de artistas contemporáneos como Cuní, Echauz, Prieto Nespereira, Marcoida, etc. Ao mesmo tempo, séguense comprando gravados antigos: en 1963, 125 estampas xaponesas do século XIX; en 1985 as "Camere sepolcrali degli antichi" de Piranesi e "L´Espagne a vol d´oiseau" de Alfred Guesdon; en 1986 a segunda edición de "Los Proverbios" de Goya e a sétima de "Los Desastres"; en 1988 as edicións quinta e décima de "Los Caprichos", etc. Así mesmo, compráronse gravados de artistas contemporáneos, entre os que destacan algunhas obras de Picasso, Dalí, Miró, Tàpies, Chillida, Millares, Alberti e outros moitos.

A través do Depósito legal ingresaron libros con gravados orixinais ou álbums moi importantes; entre estes cómpre salientar: a "Tauromaquia" de Picasso, o "Cantic al Sol" ilustrado por Joan Miró, "Caminos" de A. Machado, ilustrado por Redondela, "La vida del Lazarillo", ilustrado por Pelayo, "Variaciones sobre el Entierro del Conde de Orgaz" por Alberti, "Aguafuertes" de Solaina, etc. Tamén se conseguiu que moitos gravadores fagan importantes doazóns da súa obra e, grazas a isto, a Biblioteca Nacional conta nestes momentos cunha importante colección de gravado español contemporáneo. A colección segue incrementándose con doazóns de artistas e coleccionistas, cambios de duplicados, obras ingresadas por Depósito legal e adquisicións de todo tipo de materiais gráficos, tanto antigos coma modernos.

2. Os fondos

A colección de gravados orixinais da Biblioteca Nacional é, sen dúbida, unha das máis importantes do país polo número e a calidade das súas pezas. No Servizo de Debuxos e Gravados consérvanse máis de 100.000 estampas soltas e outros 600.000 gravados incluídos en libros, sen contar os que hai no Servizo de Manuscritos, Incunables e Raros e no Servizo de Salas Xerais da Biblioteca.

Están representadas case todas as escolas de gravado, en especial a española, con obras dende o século XV ata a actualidade, pois a colección segue viva e en continuo crecemento. Hai unha boa representación de estampas e libros ilustrados alemáns, flamencos, holandeses, italianos, franceses, ingleses, portugueses e mesmo xaponeses; entre eles destacan obras de artistas como Ribera, Goya, Fortuny, Picasso, Durero, Cranach, Rembrandt, Piranesi, Tiepolo, Callot, Nanteuil, etc.

A temática é moi variada: unha parte importante son estampas relixiosas e mitolóxicas, históricas, gravados que reproducen cadros, vistas de cidades e paisaxes; arquitectura e ornamentación, tipos e traxes, retratos, escenas de xénero, etc.