Saltar al menú principal
Saltar al contenido

Historia da colección

1. Historia da colección

Xa o núcleo inicial da Biblioteca Real, integrado polos libros da Torre Alta do Real Alcázar, os que Filipe V trouxo de Francia e os que se incautaron aos que apoiaron o Arquiduque de Austria na Guerra de Sucesión (o duque de Uceda, o marqués de Mondéjar, etc.), contaba con algunhas das pezas fundamentais desta colección, que se incrementaría con importantes adquisicións no século XVIII e, sobre todo, no XIX.

Na segunda metade do século XIX, creáronse as seccións de "Varios" e a de "Libros Raros e Preciosos". Sen dúbida, tanto na creación da Sección de Libros Raros e Preciosos coma no seu mesmo nome, influíu decisivamente a publicación, en 1863 e 1866, da obra póstuma de Bartolomé José Gallardo, Ensayo de una biblioteca española de libros raros y curiosos, así como a necesidade de dar unha entidade propia a uns materiais que se incrementaron considerablemente nestes anos e que xa dende antigo tiñan unha sala de consulta diferenciada no Departamento de Impresos do que dependían.

É ao longo do século XIX cando se produce o incremento máis significativo das coleccións de impresos raros, debido á incorporación das bibliotecas dos conventos suprimidos pola desamortización de Mendizábal e ás adquisicións de bibliotecas particulares, que ingresan directamente na Biblioteca Nacional por compra ou legado, ou ben se reciben dende outros ministerios nos que se depositaran previamente. Algunhas das que cabe salientar son as de Juan Nicolás Böhl de Faber (adquirida en 1849), Juan Carlos Mejía (biblioteca mexicana comprada en 1864), Pedro Caro y Sureda, marqués de La Romana (entre os fondos desta biblioteca, incorporada á Biblioteca Nacional en 1873 procedente da biblioteca do Ministerio de Fomento), Serafín Estébanez Calderón (biblioteca formada por máis de 8.000 impresos, entre os que destacan temas militares, crónicas, poesía castelá e literatura en xeral e que, aínda que comprada tras a súa morte en 1867, permaneceu na biblioteca do Ministerio de Fomento ata a súa incorporación á Biblioteca Nacional en 1873), Manuela de Negrete y Cepeda, condesa de Campo de Alange (desta biblioteca comprada aos seus herdeiros en 1884 seleccionáronse para a Biblioteca Nacional aquelas obras das que esta carecía), duque de Osuna e Infantado (adquirida en 1884 e coa que ingresaron máis de 30.000 impresos), e a de Ricardo de Heredia, conde de Benahavis (nas poxas desta biblioteca realizadas en París en 1891 e 1894, a Biblioteca Nacional adquiriu obras de especial rareza que anteriormente pertenceran a outras importantes bibliotecas, como a formada por Vicente Salvá e continuada polo seu fillo Tomás Salvá). Outras importantes coleccións incorporadas na centuria do dezanove foron as de Luis Usoz y Río, Francisco Asenjo Barbieri e Pascual de Gayangos.

2. Os fondos

Destacan as seguintes coleccións e fondos:

2.1 Barbieri
Formada por libros de gran rareza para a historia da música española e polos pregos de vilancicos reunidos polo músico, investigador e bibliófilo Francisco Asenjo Barbieri.

Integráronse nas signaturas R e VE cando a súa biblioteca, cedida por legado testamentario en 1894, ingresou na Biblioteca Nacional de España en 1899.

2.2 Conventos
Baixo esta denominación faise referencia ás obras procedentes dos 24 conventos, cuxas bibliotecas se incorporaron á Biblioteca Nacional de España como consecuencia da desamortización eclesiástica. Do inxente volume de obras, na súa maior parte de temática relixiosa, incluíronse na signatura R os exemplares de edicións españolas do século XVI e os pertencentes a edicións de séculos posteriores que se consideraron especialmente raras. Identifícanse na maior parte dos casos polos selos e anotacións manuscritas co nome do convento de procedencia.

2.3 Gayangos
Nas signaturas R e VE pódense identificar por un selo rectangular en tinta vermella co nome "Pascual de Gayangos" os impresos que pertenceron a este destacado investigador, orientalista, bibliógrafo e bibliófilo do século XIX. A parte da súa biblioteca que non fora vendida ou doada en vida (libros árabes á Real Academia da Historia e de tema americano ao Museo-Biblioteca de Ultramar) adquiriuse en 1900. Está formada por máis de 22.000 impresos, algúns de especial rareza dos séculos XVI e XVII.

2.4 Gómez Ímaz
Manuel Gómez Ímaz, estudoso da Guerra de Independencia, chegou a reunir sobre este tema unha importante colección de impresos, manuscritos, publicacións periódicas e obxectos diversos (moedas, cadros, armas, uniformes, planos, cristal, porcelana, etc.) que foi vendida nunha poxa en maio de 1977 pola casa Sakia-Sotheby's en Madrid. Desta colección, a Biblioteca Nacional adquiriu algúns manuscritos, pero sobre todo libros, folletos e publicacións periódicas de especial rareza que serviran de base para a realización da súa obra Los periódicos en la Guerra de la Independencia (1808-1814), que obtivo o premio no Concurso Bibliográfico convocado pola Biblioteca Nacional en 1908. Os máis de 3.000 volumes e folletos adquiridos consérvanse na signatura de R.

2.5 Graiño
Antonio Graiño reuniu unha importante colección de libros filipinos que foi adquirida aos seus herdeiros en 1959. Integrada na signatura R, identifícase polo ex libris do coleccionista e constitúe un conxunto de excepcional valor non só pola rareza dalgunhas das súas pezas, únicas e descoñecidas polos bibliógrafos, senón polos problemas de conservación destas obras debido ao soporte utilizado para a súa impresión. Máis da terceira parte destes exemplares están escritos nas linguas indíxenas (tagalo, pangasinan, cebuano, visayo, etc.) e impresos polos principais impresores filipinos, entre os que destacan Tomás Pimpin e o seu fillo Simón.

2.6 Hispanoamérica
Impresos relacionados con Hispanoamérica e procedentes da Biblioteca de Ultramar que se conservan tanto na signatura R como na VE.

2.7 Libros chineses
Existen preto dun centenar de obras dos séculos XVI-XIX impresas en caracteres chineses, en papel de arroz e con encadernación de fío. Conserváronse no depósito xeral ata que en 1961 se trasladaron á signatura R (R/33376-33472).

2.8 Porcones
Con esta signatura identifícase un fondo integrado por alegacións en dereito, memoriais, que, tanto impresos coma manuscritos, se presentaban nos preitos polas partes implicadas. Deles tomouse esta denominación, pola unión das palabras ("Por" e "Con") que, tipograficamente destacadas, aparecen nas portadas dos devanditos impresos para introducir cada unha das partes (litigante e demandado). Son un reflexo da historia política, social e económica, detallada a través dos preitos que iniciaban os diferentes estamentos sociais.

2.9 Rico y Sinobas
Singular colección de tapas de encadernacións reunida por Manuel Rico y Sinobas, que se incorpora á Biblioteca Nacional tras a súa adquisición en 1901. Ao longo das súas máis de mil pezas móstrase un panorama da historia da encadernación dende o século XIV ao XIX.

2.10 Usoz
Esta colección, identificada pola signatura U, contén a biblioteca formada polo erudito e bibliófilo Luis de Usoz y Río, que foi doada pola súa viúva, María Sandalia del Acebal y Arratia, en 1873. O seu interese polas obras dos autores do Renacemento e o Século de Ouro, polos estudos bíblicos e, especialmente, polas obras de autores heterodoxos, levouno a buscar exemplares das súas obras, reunindo unha biblioteca única para o estudo do protestantismo en España. En moitos dos máis de 11.000 volumes que forman esta biblioteca, aparecen anotacións, da súa man ou dos amigos que o axudaban na tarefa da localización e adquisición dos exemplares.

2.11 Varios especiais
Máis de 60.000 folletos impresos dende o século XVI integran esta signatura. Reúne todos os impresos de poucas páxinas existentes na Biblioteca Nacional, xa fose como folletos soltos ou encadernados en volumes facticios. A inxente cantidade de impresos destas características foi organizada cronoloxicamente segundo o monarca reinante no momento da impresión.

A mediados do século XX creouse a signatura VE ou "Varios Especiales". O seu contido é moi variado: pragmáticas, cédulas, ordenanzas, estatutos, proclamas, bandos, pasquíns, sermóns, panexíricos, poesías, relacións de sucesos históricos e militares ou noticias curiosas, impresos satíricos, descricións de festas, panxoliñas, romances en pregos de cordel, teses académicas, gozos, novenas, etc.

En 1979 incorporáronse a esta signatura preto de 1.000 folletos e fotografías sobre a Guerra Civil de 1936-1939 (VE 1147-1182).