Saltar al menú principal
Saltar al contenido

Historia da colección

Incunables

Denomínase incunables aos libros impresos antes do 1 de xaneiro de 1501.

A Biblioteca Nacional de España conta coa colección máis importante do país, uns 3.100 exemplares, onde están representadas as principais imprentas españolas e a maior parte das imprentas europeas.

Cun dos fondos fundacionais, a biblioteca de Juan Francisco Pacheco Téllez Girón, duque de Uceda, confiscada por Filipe V, chegaron os primeiros exemplares, pero só a partir de 1736 podemos falar realmente dunha colección de incunables da Biblioteca Real. Nese ano, Juan de Iriarte, grazas ao apoio do bibliotecario maior Blas Antonio de Nasarre, conseguiu realizar unha permuta de volumes co Convento dominicano de Santo Tomás, de Ávila, incorporando á colección real 315 exemplares de edicións do século XV. Bo número destes incunables puxéronse inmediatamente en mans de Juan Gómez para que os encadernase, unha parte en pergameo e outra en pasta, traballo que realizou durante os anos 1740 e 1741.

A compra de bibliotecas particulares, de eruditos ou nobiliarias, foi o procedemento máis habitual durante o século XVIII para o incremento da colección da Biblioteca Real: só de xeito moi ocasional aparece algún incunable nas compras polo miúdo a libreiros.

O rechamante incremento da colección de impresos que ocasionan as leis desamortizadoras non foi demasiado significativo en relación con este tipo de impresos. Unicamente as bibliotecas do Convento dos Capuchinos de la Paciencia de Cristo e de San Francisco, de Madrid, merecen unha mención especial. Estes exemplares incorpóranse despois de 1836 e xa non levan signos de posesión da Biblioteca Real.
En 1865 adquirírase a biblioteca do III Marqués de la Romana, Pedro Caro Sureda-Valero y Togores. Unha vez adquirida, permanecerá no Ministerio de Fomento ata o ano 1873. Con esta biblioteca, ingresou outro bo número de volumes, con encadernacións de tipo imperio, en pergameo, unhas veces xaspeado, outras policromado, incorporando ás veces cintas ou cadrados de tafilete, polo xeral co lombo adornado, realizadas por Vicente Beneito, en Valencia. A esa biblioteca incorporárase a dun ilustre xurisconsulto, Fernando José de Velasco y Ceballos, á que pertencían unha trintena de incunables.
 
Nese mesmo ano 1873 será cando, dentro do Departamento de Impresos da Biblioteca Nacional (o outro Departamento era o de Manuscritos), se cree a Sección 2 ª «de Libros raros e preciosos», con nada menos que doce subdivisións, sendo as seis primeiras as seguintes: 1.ª Libros incunables selectos; 2.ª Libros incunables impresos en Alemaña; 3.ª Libros incunables impresos en España; 4.ª Libros incunables impresos en Italia; e 5.ª Libros incunables impresos noutros países. Esta subdivisión resulta claramente inexplicable se se ten en conta que tres anos máis tarde a colección de incunables estaba composta por 1.700 exemplares.

Un novo momento de interese na historia da formación da colección de incunables da Biblioteca Nacional de España (BNE) ten lugar en 1886 coa incorporación da biblioteca ducal de Osuna e Infantado. Merecen ademais recordo expreso outros dous acontecementos: en primeiro lugar, o envío da biblioteca do Ministerio de Fomento, que ten lugar en 1888, que incorporou quince incunables; e, en segundo lugar, a célebre poxa realizada en París, en 1891, para liquidar a biblioteca de Ricardo Heredia y Livermore, conde de Benahavis, ocasión na que a Biblioteca logrou unha decena de exemplares importantes.

O seguinte gran momento na formación da colección acontece en 1899, cando se incorpora a biblioteca de Pascual de Gayangos y Arce. Os seus exemplares no conxunto da colección son multitude en comparación cos fondos aos que se vén aludindo.

A colección de incunables da BNE continuou crecendo, grazas ás adquisicións de exemplares aparecidos no mercado nacional e internacional ou en poder de particulares, pero igualmente polos achados de novos incunables na propia Biblioteca Nacional, na maior parte das ocasións por percorrerse máis parsimoniosamente volumes facticios da propia colección e máis coidadosamente a rica colección de manuscritos e de impresos "Raros", ou a que antigamente se denominou Sección de Varios, sen esquecer tampouco os fragmentos, tanto os desprendidos de encadernacións como os utilizados coma follas de garda.

A colección reúne actualmente dúas edicións de libros xilográficos, representadas cada unha polo respectivo exemplar, e 2.298 edicións incunables representadas por 3.159 exemplares.

Bibliografía sobre a colección

  • FERNÁNDEZ POMAR, José María: "Manuscritos e incunables jurídicos de Santo Tomás de Ávila en la Biblioteca Nacional", Anuario de Historia del Derecho Español, LVI (1986), pp. 863-887.
  • MARTÍN ABAD, Julián: Los incunables de las bibliotecas españolas: Apuntes históricos y noticias bibliográficas sobre fondos y bibliófilos. Valencia, 1996.
  • MARTÍN ABAD, Julián: "Los incunables de la Biblioteca Nacional de Madrid: (Datos para la historia de una colección)", en Martín Abad, Julián - Moyano Andrés, Isabel: Catálogo de Incunables de la Biblioteca Nacional: Tercer apéndice. Madrid, 2002, pp. 9-27.
  • JULIÁN MARTÍN ABAD. “The Incunables of the Biblioteca Nacional of Madrid : materials for a History”, Incunabula : studies in fifteenth-century printed books presented to Lotte Hellinga (ed. by Martin Davies). London, 1999, pp. 603-622.
  • JULIÁN MARTÍN ABAD. “En plúteos extraños: manuscritos, incunables y raros de la Biblioteca capitular de Ávila en la Biblioteca Nacional de España” Burgos, 2007.
  • JULIÁN MARTÍN ABAD. “¿Mutatis mutandis, una pequeña desamortización? o Sobre 34 incunables de la BP de Cáceres en la BN de España, y sobre otros acontecimientos bibliográficos”, Revista de Estudios Extremeños, LXIV, I, abril 2008, pp. 201-232.