1. Historia da colección
O cine, froito da revolución industrial, xurdiu a finais do século XIX, pero só empezou a adquirir un gran desenvolvemento económico e comercial a partir da década de 1920 e, moi particularmente, cando os avances tecnolóxicos permitiron engadir son á imaxe en movemento. A primeira película sonora é unha cinta musical titulada The jazz singer (1927), dirixida por Alan Crosland (1894-1936), que revolucionou a industria cinematográfica e marcou o iniciou dunha longa época na que o cine se converteu nun dos fenómenos artísticos, económicos e sociolóxicos máis importantes do século XX.
Posteriormente, sucedéronse moitos outros cambios substanciais que afectaron a industria cinematográfica, especialmente a aparición da televisión, e tamén dun mercado masivo de soportes e reprodutores para consumo particular, orixe dunha potente industria cultural xurdida no último cuarto do século XX. Os soportes cambiaron en consonancia co desenvolvemento tecnolóxico, e nun período de apenas trinta anos pasouse das imaxes gravadas exclusivamente en cintas de celuloide á comercialización masiva de cintas magnéticas (VHS, Beta, vídeo 2000), máis tarde de discos dixitais (DVD) e, finalmente, aos discos de alta definición (Blu-ray), que van impoñéndose nos últimos anos.
Dous anos despois da estrea da mencionada película, comezouse a empregar o termo "audiovisual" para denominar a todos aqueles produtos culturais nos que aparecen unidos a imaxe en movemento e o son. Moitas bibliotecas empezaron moi pronto a incluílos nas súas coleccións; primeiro de xeito ocasional, en forma de películas de celuloide e, posteriormente, incorporando de xeito masivo os audiovisuais comercializados en cintas magnéticas e outros soportes.
Na Biblioteca Nacional de España, a colección de audiovisuais foise formando a través da entrega obrigatoria de polo menos un exemplar de cada edición videográfica, en cumprimento da Lei de depósito legal.
Na actualidade, estes documentos procésanse no Servizo de Audiovisuais, dependente do Departamento de Música e Audiovisuais, unha unidade especializada que se fixo necesaria na Biblioteca, debido ao espectacular incremento da produción editorial destes materiais no noso país.
2. Os fondos
A actual colección de audiovisuais da BNE está composta por cintas de vídeo (vídeo 2000, Beta, VHS), DVD e Blu-ray, case todos ingresados por depósito legal. Trátase dunha colección que, a pesar da súa modernidade, é de grande importancia, xa que conserva a práctica totalidade da produción nacional de audiovisuais dos últimos trinta anos.
Unha característica dos documentos audiovisuais é a rápida obsolescencia de soportes e reprodutores, debido á transformación vertixinosa que impoñen os avances tecnolóxicos e as prácticas comerciais. Para loitar contra este problema, dentro do programa de conservación preventiva da Biblioteca Nacional, estableceuse un proxecto de dixitalización de todas as cintas de vídeo para a súa futura preservación. Non obstante, a misión da BNE non se limita á preservación e difusión dos contidos audiovisuais, senón que tamén alcanza a dos seus soportes físicos orixinais.
En referencia aos soportes de audiovisuais actuais (DVD e Blu-ray), a colección da BNE é un claro reflexo da produción nacional nesta nova parcela cultural e de ocio. Constitúe un testemuño inapreciable da nosa capacidade creativa e dos nosos hábitos de consumo audiovisual, do que poden tirar bo proveito tanto os sociólogos coma os estudosos da arte e da cultura.
2.1 Clasificación dos audiovisuais
Na colección podemos encontrar catro grandes bloques temáticos que corresponden a:
- Películas cinematográficas
- Audiovisuais de información e documentais.
- Audiovisuais musicais.
- Multimedia
2.1.1 Películas cinematográficas
Este primeiro bloque é o máis numeroso e tamén o máis demandado polos usuarios debido á súa riqueza e variedade.
Nel podemos encontrar:
- Cine mudo.
- Películas nacionais e estranxeiras.
Hai que sinalar o amplo número de títulos en todos os xéneros cinematográficos, coas películas máis destacadas na historia do cine, dende as súas orixes ata o século XXI.
2.1.1.1 Series de televisión
Títulos de películas compostos de numerosos capítulos e que foron éxitos da pequena pantalla. Nesta parte hai numerosas series españolas, europeas e norteamericanas.
2.1.1.2 Películas de animación
Xeralmente destinadas ao público infantil, pero tamén ao xuvenil e ao adulto. Entre as coleccións máis destacadas encontramos as de debuxos animados segundo os coñecidos modelos xaponeses Manga e, de novo, producións nacionais e internacionais.
2.1.1.3 Curtametraxes cinematográficas
Esta modalidade de creación cinematográfica recibiu un notable impulso nos últimos anos e son moitos os creadores que a cultivan. O mercado do audiovisual propicia esta produción, dado que a maioría das veces só se comercializa en soporte dixital, sen que se exhiba en salas cinematográficas. Hai discos dixitais que inclúen os certames deste tipo de produción cinematográfica e, noutras ocasións, os "curtos" comercialízanse xunto a películas de longa metraxe.
2.1.2 Audiovisuais de información e documentais
Nesta clase de documentos encontramos moi diferentes materias, aínda que todos teñen como factor común o seu carácter informativo e educativo. Nun principio, os vídeos de ensino centrábanse só na formación elemental pero, unha vez comprobada a súa aceptación, foron estendéndose a todos os niveis educativos. Os audiovisuais de tipo documental e formativo abranguen todo tipo de temas: culturais, históricos, xornalísticos, deportivos, de ocio, de hixiene, viaxes e natureza, técnicas de relaxación, etc.
En numerosas ocasións, son fontes primarias de información, posto que rexistran a imaxe e o son de sucesos e personaxes destacados do mundo da política, das artes, das letras ou da música no momento no que sucede un acontecemento.
2.1.3 Audiovisuais musicais
Na edición comercial de audiovisuais e na colección da BNE predominan tres variantes musicais:
- Gravacións de grandes espectáculos. Comercialízanse algúns concertos de orquestras de cámara e sinfónicas, con importantes directores, espectáculos de ópera e ballet, recitais de solistas vocais ou instrumentistas, representacións de zarzuela, etc.
- Videoclips. Son todas as creacións audiovisuais que os cantantes e grupos musicais realizan á hora de promover as súas novas creacións. É frecuente encontrar documentos dixitais que son auténticas antoloxías de videoclips de determinados artistas, nos que se unen música e plástica.
- Concertos en vivo de cantantes, grupos de pop, rock e músicas actuais. Ao igual que na música clásica, tamén na música máis comercial se publican audiovisuais cos concertos de intérpretes e grupos moi coñecidos, con frecuencia gravados en xiras, espectáculos conmemorativos ou actuacións realizadas con fins benéficos.
Acceso á colección
A colección agrúpase baixo dous grandes bloques de sinaturas:
- VD/ = Para as cintas de vídeo (independentemente do seu soporte, Beta, VHS ou Vídeo 2000).
- DVD/ = Para todos os audiovisuais en soporte dixital.
Ambas as dúas consúltanse na sede de Recoletos da Biblioteca Nacional.
Existen outras sinaturas que consisten en antepoñer ás citadas anteriormente as siglas AH (AHVD e AHDVD) e DL (DLVD e DLDVD). Estas sinaturas indican que son exemplares duplicados ou triplicados conservados na sede da Biblioteca Nacional de Alcalá de Henares.
Os exemplares coa sinatura AH poden ser consultados cando non estea dispoñible o correspondente ás sinaturas VD ou DVD. Os exemplares con sinatura DL son exemplares de conservación e non se poden consultar. Finalmente, atopamos a sinatura MDVD para aqueles documentos en cintas magnéticas que foron dixitalizados dentro do xa mencionado programa de conservación preventiva de documentos audiovisuais e, opcionalmente, o usuario pode consultalos en lugar do orixinal.
Á colección de audiovisuais accédese a través do catálogo automatizado da Biblioteca Nacional, ben na propia Biblioteca ou dende a páxina web desta.
No catálogo podemos atopar dous niveis de catalogación:
- Descrición abreviada. Inclúe os datos esenciais do documento: título, director, guionista, compositor da banda sonora, produtor, intérpretes, data da edición e a extensión desta, xunto ás súas características físicas. Ás veces, inclúe un breve resumo do documento.
- Descrición bibliográfica completa. Neste caso, xunto aos datos xa mencionados, incorpóranse os puntos de acceso ao documento normalizados, para incrementar as opcións de busca, incluíndo unha clasificación por xéneros.
Estase a levar a cabo unha catalogación o máis exhaustiva posible de todos os documentos audiovisuais en español, para poder proporcionar á comunidade hispanofalante unha abundante información de directores, realizadores, intérpretes e outros artistas que interveñen na complexa realización dunha película.
A BNE publicou, en forma impresa, unha Bibliografía española de audiovisuais, bibliografía anual que describe todo o publicado durante o ano.
Catálogo

