Saltar al menú principal
Saltar al contenido

A BNE

Identificamos, preservamos, conservamos e difundimos o patrimonio documental español

# A BNE

A Biblioteca Nacional é a institución bibliotecaria superior do Estado e cabeceira do Sistema Bibliotecario Español

Fachada da Biblioteca Nacional

Entrada da Biblioteca Nacional de España

A BNE aspira a ser un centro de referencia fundamental para a investigación da cultura hispánica. De acordo co seu estatuto, aprobado por R.D. 1638/2009 do 30 outubro, as súas funcións principais son:

  • Reunir, catalogar e conservar os fondos bibliográficos producidos en calquera lingua española ou outro idioma, ao servizo da investigación, a cultura e a información.
  • Fomentar a investigación mediante o estudo, préstamo e reprodución do seu fondo bibliográfico.
  • Difundir a información sobre a produción bibliográfica española a partir das entradas derivadas do depósito legal.

A colección da Biblioteca componse de máis de 30.000 manuscritos, preto de 3.000 incunables, uns 500.000 impresos anteriores a 1831, máis de 6.000.000 de monografías modernas, preto de 110.000 títulos de revistas e unha colección de prensa estimada en case 20.000 xornais. Dispón dunha importante colección de gravados, debuxos, carteis e fotografías. A colección de partituras impresas e manuscritas supón máis de 500.000 obras, os documentos sonoros superan os 550.000 exemplares, a colección de audiovisuais contén máis de 80.000 volumes e o Servizo de Cartografía conserva unha importante colección de fondos cartográficos antigos e modernos de todo o mundo. Se desexa máis información, consulte Coleccións.

Para coñecer os contidos da Biblioteca Nacional, a ferramenta fundamental é o Catálogo automatizado, que actualmente proporciona os rexistros bibliográficos de máis de 3.000.000 obras distintas e a localización de 7.000.000 fondos ou exemplares. Ademais do seu Catálogo, elabora e participa nos principais catálogos colectivos de fondos españois. Para máis información, consulte a sección Catálogos.

A Biblioteca Nacional aumenta cada día o número de Servizos en liña aos que o usuario pode acceder a través de Internet. Tamén se ofrecen Servizos presenciais para lectores e profesionais do libro.

A Biblioteca Nacional ofrece aos seus visitantes unha programación cultural permanente, gratuíta e aberta a todos os públicos, que inclúe exposicións, conferencias e debates. Se desexa coñecer a programación, consulte a Axenda da portada ou a pestana Actividades.

Finalmente, a Biblioteca Nacional desexa unha comunicación activa con todos os seus usuarios e persoas interesadas na cultura, para o cal creou na súa páxina web unha sección chamada Comunidade BNE con foros, blogs e enquisas. Nesta liña, a BNE participa en portais como Facebook ou YouTube co fin de comunicarse con maior amplitude e incrementar o número dos seus potenciais usuarios e simpatizantes.