Servizo wi-fi.
A Biblioteca Nacional dispón de cobertura wireless (wi-fi) ou tecnoloxía sen fíos para acceso a internet dende ordenadores portátiles en todas as súas salas de lectura. Mediante a utilización do servizo wireless, o usuario poderá navegar libremente por internet dende o seu ordenador portátil de forma gratuíta.
Condicións para utilizar este servizo
Calquera usuario da Biblioteca que dispoña do seu propio ordenador portátil pode utilizar este servizo.
Se os ordenadores contan coa tecnoloxía axeitada, os usuarios poderán acceder a internet dende calquera posto de lectura con só activar o seu navegador.
Para os ordenadores sen esa posibilidade de serie, a Biblioteca Nacional ofrece dúas alternativas: BRIDGE ETHERNET e placa PCMCIA. Ambos os dous dispositivos pódenselle solicitar ao bibliotecario da sala na que o usuario se atope traballando.
Procedemento para solicitar o servizo wi-fi se o portátil non ten a posibilidade de serie.
- Debe dirixirse ao bibliotecario responsable da sala co seu portátil e un documento de identidade (DNI, pasaporte, carné de conducir) que deberá entregar para que lle sexa facilitado o dispositivo axeitado.
- No caso de necesitar unha tarxeta PCMCIA, e de solicitala por primeira vez, o bibliotecario daralle un CD-ROM co software correspondente para que, na súa presenza, o instale no seu portátil, devolvéndoo a continuación. Só é necesario realizar a devandita instalación a primeira vez que se utilice o servizo. A continuación, inserirase a placa PCMCIA, que tardará aproximadamente 5 minutos en conectarse co sistema.
- No caso de solicitar un dispositivo BRIDGE ETHERNET, non será necesaria a instalación previa de software e o sistema configurarase automaticamente.
- Unha vez finalizada a sesión, diríxase ao bibliotecario para que, tras devolver o dispositivo utilizado, lle faga entrega do seu documento de identidade.
- Ante calquera problema ou dúbida na utilización deste servizo, pídalle axuda ao persoal bibliotecario das salas de consulta.
Advertencias
- O software ORINOCO COMBOCARD WIRELESS NETWORKS e as placas PCMCIA ORINOCO 11a/b/g/b/g COMBOCARD para cobertura wireless (wi-fi) foron adquiridas pola Unidade de Coordinación Informática da Biblioteca Nacional para uso dos seus lectores, polo que está garantida a súa calidade e ausencia de virus.
- Para aumentar a seguridade na utilización deste servizo por parte dos usuarios, a Biblioteca pon á súa disposición un sistema antivirus. Aínda así, este organismo declina calquera responsabilidade sobre os prexuízos que o uso deste servizo lles puidese ocasionar aos usuarios ou aos seus equipos informáticos.
- En caso de problemas cos equipos, o usuario debe verificar o seu estado, non aceptando a Unidade de Coordinación Informática responsabilidade sobre posibles danos que o equipo ou a información contida neste puidesen sufrir eventualmente polo uso do devandito equipamento.
