Coincidindo co estudo, restauración e publicación do Catálogo razoado dos Dibujos de Arquitectura y Ornamentación del siglo XVIII da Biblioteca Nacional de España, vaise realizar unha exposición representativa e selectiva da enorme riqueza dos fondos de debuxos mencionados.
Na exposición estarán algúns dos máis fermosos debuxos de arquitectura, proxectos, bosquexos e outros apuntamentos que axuden a explicar a cultura dos arquitectos desa centuria e o seu xeito de entender a idea e a práctica da súa profesión, obra, fundamentalmente, de arquitectos e artistas españois, italianos e franceses.
Ademais de debuxos illados, froito de proxectos ou de levantamentos e vistas de edificios xa construídos e de cidades, tamén se expoñen álbums de debuxos de diferente carácter que axudan a explicar as diferentes formas de uso e relación do arquitecto con ese instrumento disciplinar tan decisivo que é a representación gráfica. Deste modo, expoñeranse álbums que representan secuencias características na cultura académica de restitucións de edificios clásicos; noutras ocasións, os libros de debuxos son entendidos como cadernos da memoria de viaxes ou estancias de formación en lugares como Roma ou Nápoles, tan prioritarios no século por excelencia do Grand Tour. Tamén hai libros de debuxos que funcionan como unha colección de diferentes proxectos e bosquexos realizados por un mesmo arquitecto ao longo dos seus anos de actividade, engadindo mesmo debuxos doutros colegas próximos ou simplemente admirados. Un caso exemplar neste sentido é o álbum facticio de Silvestre Pérez.
Nesta rica tipoloxía de libros de debuxos que conserva a Biblioteca Nacional tampouco faltan os que resultan da encadernación dun proxecto concreto (plantas, alzados, seccións, detalles, etc.) ou os que serviron para preparar edicións de estampas de festas e outros acontecementos efémeros, sen esquecer o xénero dos tratados de arquitectura e fortificación.
A cultura dos arquitectos do século XVIII, cun carácter xeral e moi amplo, está representada ao longo de toda a exposición a través de instrumentos de debuxo e retratos gravados dos máis relevantes arquitectos do momento, ademais dunha pequena biblioteca dos tratados e coleccións de estampas de arquitectura máis usados na época.
