Saltar al menú principal
Saltar al contenido

Carteis

1. HISTORIA DA COLECCIÓN

O fondo de carteis da Biblioteca Nacional de España está formado por tres coleccións. As devanditas coleccións son: os carteis publicitarios e os da República e a Guerra Civil depositados no Servizo de Debuxos e Gravados, e os carteis que entraron dende 1957 pola Lei de depósito legal, que se encontran na sede que a Biblioteca Nacional ten en Alcalá de Henares.

A colección de carteis publicitarios empezouse a formar en 1867 grazas á iniciativa de Genaro Alenda y Mira, bibliotecario da Institución que propiciou a creación dunha Sección de Papeis Varios. Alenda, entre os anos 1870 e 1889, formou un conxunto de obras ingresadas por compra, por doazón e por depósito dos impresores cumprindo a antiga Lei de depósito legal. Os carteis que reuniu chegaron, tras sucesivos traslados, aos depósitos do Servizo de Debuxos e Gravados nun lamentable estado de conservación. No ano 2002, e tras un importante labor de restauración, déronse a coñecer mediante a exposición e o catálogo "Memoria de la seducción: carteles del siglo XIX en la Biblioteca Nacional", onde se estudan e catalogan duascentas vinte e catro pezas.

A colección de máis de cincocentos carteis da República e a Guerra Civil foi adquirida en 1982 a un particular polo Centro Nacional do Tesouro Documental e Bibliográfico do Ministerio de Cultura para a Biblioteca Nacional, e foise incrementando con novas adquisicións. O estudo e catalogación dos carteis están recollidos no Catálogo de carteis da República e a Guerra Civil Española publicado en 1990.

A partir de 1957, empezan a ingresar na Biblioteca Nacional, en virtude da Lei de depósito legal, miles de imaxes sobre papel; destaca unha xigantesca colección de carteis, que xa supera o millón de unidades, que se van catalogando na sede que ten a Biblioteca Nacional de España en Alcalá.

2. OS FONDOS

Dentro da colección de carteis publicitarios do século XIX, atopamos diferentes categorías segundo as distintas actividades anunciadas neles: carteis de circo, de teatro, taurinos, de feiras, festas e exposicións, de viaxes e transportes, de mercadorías, de carreiras de cabalos, de publicacións, de bailes, políticos e carteis varios. Entre os principais autores, destacan Daniel Perea, Alfredo Perea, Marcelino de Unceta, Manuel Salvi, C. Chavez, R. de Almodóvar, J. Pastor, Francisco Ortego e Jules Chéret.

Os carteis da República e a Guerra Civil son unha excelente mostra do cartelismo español político e de guerra. Nesta colección encontramos cinco grandes bloques temáticos: retratos e representacións alegóricas, campañas electorais, carteis de guerra, a retagarda e carteis nacionais. Entre os seus autores, algúns dos máis destacados ilustradores e cartelistas: Alumá, Arteche, Ballester, Bardasano, Bofarull, Camps, Castanys, Clavé, Fábregas, Goñi, Guillermo, Llimona, Mallafré, Martí-Bas, Melendreras, Monleón, Morell, Renau, etc. Esta colección foise incrementando pouco a pouco con sucesivas compras.

Recentemente, adquiríronse algúns carteis de principios do século XX de importantes cartelistas españois desta época como Casas, Riquer, Baldrich, Martra, Nualart, Utrillo, Penagos, etc.