Saltar al menú principal
Saltar al contenido

Historia da colección

1. Historia da colección

A fotografía foi chegando á Biblioteca Nacional dende pouco despois da súa aparición pública en 1839. En poucos anos, a fotografía comeza a estar presente en publicacións de distinto carácter, ben ilustrando textos, ben conformando a totalidade do contido do libro.

Algúns directores da Biblioteca Nacional no século XIX decatáronse do potencial da fotografía na transmisión do coñecemento e preocupáronse de que as imaxes fotográficas formasen parte dos seus fondos gráficos e iconográficos, ao igual que outro tipo de estampas. Comezáronse a comprar importantes obras, que se ían editando e que contiñan fotografías; así chegaron exemplares de obras como Jerusalem de A. Salzmann (1856) ou Cités et ruines americaines... por D. Charnay (1863), etc. Por outra banda, houbo obras con fotografías que chegaron procedentes da Biblioteca Real, como Recuerdos fotográficos de la visita de SS.MM. y AA.RR. a las provincias de Andalucía y Murcia... de C. Clifford (1862).

Derivado das leis de imprenta e o depósito da propiedade literaria, houbo algúns fotógrafos que depositaron fotografías na Biblioteca; así, en 1866, hai un importante depósito realizado polo fotógrafo J. Laurent. Non foron moitas as fotografías que chegaron por este camiño, xa que poucos fotógrafos, no noso país, se acolleron ao depósito.

En 1871 J.E. Hartzenbusch, tendo o convencemento de que a fotografía debía estar ben representada na institución e que as doazóns non eran frecuentes e a compra directa ás veces era onerosa, recorre a unha política de intercambios; así, propón un troco ao pintor Manuel Castellano, propietario dunha espléndida colección de preto de máis de 20.000 fotografías, ofrecéndolle estampas duplicadas e multiplicadas que posuía a Biblioteca Nacional, e unha vez concedidos os permisos pertinentes, a colección chegou a esta institución. Unha segunda parte desta colección comprouse ao sobriño do pintor tras a morte deste en 1880.

A Colección Castellano está constituída por retratos, principalmente, e vistas, e a maioría das fotografías están reunidas en álbums. Constitúe esta colección un conxunto de fotografías irrepetible pola súa rareza e calidade extraordinarias. O período cronolóxico que abrangue é dende 1853 a 1880, aínda que a maior parte da colección é de 1855 a 1875.

Ao longo dos anos fóronse incorporando outras coleccións e fondos fotográficos diversos, sobre todo de retratos, dentro da tradición das bibliotecas nacionais de reunir imaxes das personalidades do país que destacaron en calquera dos campos da historia, a ciencia ou a arte ao longo do tempo. En 1970 depositáronse as coleccións de retratos da Xunta de Iconografía Nacional, cando esta institución se disolveu. Así mesmo, en 1963 comprouse unha importante colección de retratos de personaxes do circo e do espectáculo que pertenceu a Leonard Parish e máis tarde a César Fernández Ardavín.

O ano 1980 incrementouse o número de fotografías coa chegada do chamado Arquivo da Guerra Civil Española procedente da "Sección de Guerra Civil" do Ministerio de Información e Turismo.

En 1984 adquiríronse os fondos do estudo fotográfico Amer-Ventosa de Madrid, composto principalmente por retratos da sociedade española dende o ano 1947 a 1979.

No ano 1989 e con motivo do 150 aniversario da aparición pública da fotografía, presentáronse os fondos que nela se conservaban e déuselles unha clasificación e estrutura para que puidesen ser consultados e conservados axeitadamente, e ao mesmo tempo editouse a guía-inventario destes fondos, onde se recolle a súa natureza e contidos: 150 años de fotografía en la Biblioteca Nacional: guía-inventario de los fondos fotográficos.

Nos últimos anos, foise incrementando a presenza de materiais fotográficos na Biblioteca Nacional, facendo importantes adquisicións que van paliando as lagoas que se detectaron ao realizar o inventario; por outra parte, séguese unha política de recuperación de fondos que estean en perigo de dispersión e se consideren importantes para o estudo da fotografía no noso país no máis amplo espectro.

2. Os fondos

Os fondos da BNE están constituídos por centos de miles de fotografías de distinta natureza: a maior parte delas pertence ao período de 1850 a 1990 e, aínda que hai lagoas, pódese dicir que están representados case todos os camiños que seguiu a evolución e desenvolvemento da fotografía dende a súa aparición.

Están estruturados en primeira instancia segundo a forma en que foron xerados e o xeito en que se presentan: Libros e fotografías soltas. Así, hai un importante volume de libros con fotografías orixinais, ben ilustrando un texto, ben conformando a publicación enteira, e entre eles hai pezas de gran relevancia dentro da historia de fotografía. Así mesmo, hai un bo número de libros ilustrados con fotografía impresa por algunha das técnicas froito das investigacións realizadas dende 1850 para lograr trasladar a imaxe fotográfica a unha prancha de gravar.

Consérvanse coleccións de fotografías reunidas en álbums, algunha das cales pertenceron a personaxes ilustres do século XIX, como a Colección Castellano, a de Eugenio Hartzenbush, Amador de los Ríos, Narciso Hergueta, etc. e que reúnen principalmente retratos e vistas realizadas por diversos fotógrafos.

Dentro das fotografías soltas hai importantes conxuntos fotográficos, nos que as fotografías teñen un nexo común en orixe que as une, ben ser o resultado da actividade fotográfico-comercial dun estudo, ben pertencer a unha recompilación ou arquivo sobre un tema determinado. Entre estes conxuntos, podemos distinguir as recompilacións de retratos como o da Xunta de Iconografía Nacional, que reúne personaxes españois de todas as épocas mediante reproducións fotográficas ou retratos directos, ou o correspondente aos retratos que pertenceron á redacción da revista La Ilustración Española y Americana.

Entre os conxuntos temáticos, está a Colección Fernández Ardavín - Leonard Parish, que recolle centos de fotografías de personaxes do mundo do circo e do espectáculo de diversos países que pertencen na súa maioría ao período de 1880 a 1910. Cómpre salientar o chamado Arquivo da Guerra Civil, que reúne miles de fotografías e é froito de diversos labores de recompilación fotográfica realizadas polos organismos de propaganda durante e despois da contenda (1936-1939); nel está representada a máis variada temática de ambas as dúas frontes. Outro fondo importante é o do antigo Protectorado español en Marrocos, que recolle fotografías dos primeiros sesenta anos do século XX e que xunta os fondos fotográficos da Dirección Xeral de Marrocos e Colonias e os que chegaron coa Biblioteca especializada en temas africanos de Don Tomás García Figueras.

A estes conxuntos hai que unir os arquivos fotográficos constituídos polo material producido por un estudo fotográfico no exercicio da súa actividade. Encóntranse aquí os arquivos dos estudos de Amer-Ventosa, Kâulak, V. Ibáñez e Gyenes. Outros arquivos que se conservan, aínda que non tan numerosos coma estes, son os de Lagos e o de Edward Foertsch. No ano 2005 adquiríronse os arquivos de Calvache e de Cecilio Paniagua. 

Hai tamén unha cantidade importante de fotografías independentes, no sentido de que non pertencen a ningunha colección concreta e están fisicamente "soltas": este é un bloque de material moi diverso en canto á súa calidade e interese, pero hai un bo número delas que constitúe un conxunto de valor extraordinario en moitos aspectos. Esta parte do fondo está formado por máis de 15.000 fotografías, dende daguerrotipos, calotipos, papeis albumina, platinotipos, papeis baritados, etc., ata chegar aos soportes modernos. Nesta parte do fondo, están representados moitos dos fotógrafos que traballaron en España no século XIX, entre os que podemos citar á A. Alonso Martínez, J. Martínez Sánchez, José Mª Sánchez, F. e E. Debas, E. Beauchy, C. Alguacil, C.Franzen etc., destacando en canto á cantidade de fotografías que aquí se conservan: J. Laurent, e Charles Clifford, dos que se pode dicir que a BNE é un punto de referencia importante para o seu estudo. Tamén hai unha representación de fotógrafos estranxeiros, como Carjat, Disderi, Ponti, A. Quinet, Anderson, Zangaki, etc. Como non podía ser doutra forma, moitas das fotografías son anónimas ou de autor non identificado.

Información sobre a consulta de fondos

A consulta dos fondos fotográficos correspondentes ao século XIX está restrinxida por razóns de conservación, e realízase nunha gran porcentaxe a través de reproducións en diapositiva.

Os fondos de negativos non se poden consultar directamente: estase a realizar a reprodución en forma dixital dalgúns deles, e xa está dispoñible para consulta na Sala Goya o fondo de retratos do arquivo Lagos.

As fotografías correspondentes aos arquivos dos estudos fotográficos comerciais están en fase de ordenación e inventario, polo que non están aínda a plena disposición; aínda non rematou o seu tratamento técnico, e aínda non se lles asignou unha signatura normalizada.

Información relacionada