Para coñecer os contidos da Biblioteca Nacional, a ferramenta fundamental é o Catálogo automatizado, que actualmente proporciona os rexistros bibliográficos de máis de 3.000.000 de obras distintas e a localización de 7.000.000 de fondos ou exemplares distintos. O catálogo contén información de: monografías, revistas e xornais, manuscritos e arquivos persoais, debuxos, gravados e fotografías, mapas e planos, videogravacións, partituras e rexistros sonoros.
Se ten algunha dúbida sobre as sinaturas deses fondos, debe consultar as táboas de correspondencias de sinaturas.
A Biblioteca, ademais do seu Catálogo, elabora e participa nos principais catálogos colectivos de fondos españois. Grazas a estas ferramentas de información, poden coñecerse as coleccións de moitas bibliotecas consultando unha única fonte. Pola importante presenza das coleccións da Biblioteca Nacional nestes catálogos, cómpre salientar os seguintes:
- Catálogo Colectivo de Publicacións Periódicas, contén 84.000 publicacións periódicas que se conservan en 1.100 bibliotecas españolas.
- Catálogo Colectivo de Patrimonio Bibliográfico, contén a maior parte da colección de impresos da Biblioteca Nacional do século XV ao século XIX, xunto cos fondos de preto de 700 bibliotecas españolas.
- Instrumenta Musicae. Catálogo Colectivo de Fondos Musicais do Século XIX nas Bibliotecas Iberoamericanas.
Para coñecer que fondos da BN están dixitalizados e poden consultarse por Internet, consulte o apartado Coleccións dixitais, onde se indican os libros, debuxos, gravados, fotografías, mapas e partituras accesibles en formato dixital. Ademais, ofrécese a posibilidade de consultar as principais exposicións dixitais elaboradas con coleccións emblemáticas da Biblioteca e proporciónase a ligazón ao portal Clásicos na Biblioteca Nacional, elaborado conxuntamente coa Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes.
Tamén pode consultarse dende esta páxina web, en texto completo e formato PDF, o Inventario Xeral de Manuscritos da Biblioteca Nacional.
Se o prefire, pode facer consultas específicas sobre algún tipo de material: incunables, manuscritos, mapas…;
Se desexa obter información sobre as bibliotecas e hemerotecas existentes en España, pode consultar a nova versión do Directorio de Bibliotecas e Hemerotecas Españolas, que proporciona información completa sobre situación, horario, fondos e servizos de máis de 10.450 bibliotecas españolas, incluídas aquelas situadas no estranxeiro dependentes do Instituto Cervantes.
