Depósito legal

O depósito legal é a obriga, imposta por lei ou outro tipo de norma administrativa, de depositar para unha ou máis bibliotecas exemplares das publicacións editadas nun país.

O depósito legal ten como obxectivo a recompilación do patrimonio cultural e intelectual de cada país, co fin de polo a disposición dos cidadáns. Trátase, pois, dun medio que garante a conservación de toda a produción editorial e debe ser contemplado como un ben democrático que asegura aos cidadáns de hoxe, e ás xeracións futuras, o acceso ao legado intelectual con fins de información e investigación.

En España o antecedente do depósito legal remóntase a 1616 para a Biblioteca del Escorial e a 1716 para a Biblioteca Real de Madrid, hoxe Biblioteca Nacional de España.

A completa organización do depósito legal para España realizouse mediante o Regulamento do Servizo de Depósito Legal aprobado por Decreto do 23 de decembro de 1957 (PDF) (BOE n. 17, de 20.1.58). Esta norma, desenvolvida por un equipo de bibliotecarios, está entre as máis avanzadas da súa época en canto á variedade dos materiais suxeitos ao depósito legal e en canto á previsión do depósito doutro tipo de documentos que puidesen existir no futuro. Co número de depósito legal e o sistema administrativo desenvolvido para o seu control, as oficinas de depósito legal, conseguiuse por primeira vez un cumprimento eficaz do depósito legal.

O 30 de xullo publícase no B.O.E. a Lei 23/2011, de depósito legal. Esta nova lei, froito dun gran acordo bibliotecario, responde á necesidade de adaptar a recompilación do patrimonio bibliográfico -e así a súa conservación e difusión- aos cambios producidos no mundo da edición como consecuencia das novas tecnoloxías e, especialmente, ás publicacións en rede. A Lei responde tamén á necesidade de adecuar a práctica do depósito legal ao estado das autonomías tanto no que fai ás súas coleccións como á distribución das competencias entre elas e a BNE. Por outra banda, a Lei mantén a xestión do depósito legal a través das oficinas de depósito legal, dependentes das Comunidades Autónomas porque a súa eficacia está claramente demostrada.

Son obxecto de depósito legal, todas as obras bibliográficas, sonoras, visuais, audiovisuais e dixitais, producidas ou editadas en España, por calquera procedemento de produción, edición ou difusión e distribuídas en calquera soporte, tanxible ou intangible.

Dous son as grandes novidades que incorpora esta lei. Por unha banda, o editor, de non existir como depositante, estraña anomalía nunha lei de depósito legal, pasa a ser o suxeito depositante básico. Por outra, dá resposta ao arquivo dos recursos en internet. A base para o arquivo dos recursos en internet e para os recursos con soporte físico tanxible é a mesma: conservar e difundir o patrimonio bibliográfico, no noso caso ademais, en toda a súa diversidade lingüística.

O 10 de xullo de 2015 o Consello de Ministros aprobou o Real Decreto que regula o depósito legal das publicacións en liña. Este real decreto desenvolve a Lei 23/2011, do 29 de xullo, de Depósito legal, na que se consideran por primeira vez obxecto de depósito legal os sitios web e as publicacións en liña.

Lei 8/2022, do 4 de maio, pola que se modifica a Lei 23/2011, do 29 de xullo, de depósito legal actualiza e optimiza a anterior normativa para facela máis adecuada e efectiva no escenario dinámico e cambiante da creación cultural e editorial actual.

Entre as novidades destacadas da nova Lei proponse que no caso dos libros, prensa e revistas, o editor depositará, ademais dos exemplares impresos preceptivos, un exemplar dixital previo á impresión das publicacións en soporte físico. Igualmente, a reforma xa incorpora plenamente o patrimonio nado dixital que ata agora se regulaba mediante o Real Decreto de depósito legal de publicacións en liña de 2015.

Outra novidade destacada é a inclusión dos videoxogos na tipoloxía de creacións culturais. Antes entendidos dentro dos documentos audiovisuais, terán agora o seu propio apartado para conseguir o depósito da edición completa desa tipoloxía documental. En canto ao depósito legal das publicacións en liña, a modificación da súa regulación ten como obxecto evitar confusións en canto á obriga do depósito legal e clarificar que a iniciativa non recae nos editores ou produtores, senón nos centros de conservación.

A Lei recoñece e fortalece o papel da BNE como coordinadora e asesora entre os centros e depósitos rexionais, así como o seu deber de seguimento do cumprimento da normativa sobre depósito legal. 

Lexislación


Documentos / Enlaces de interese