Hemeroteca Dixital
Consultar a Hemeroteca Dixital
A Hemeroteca Dixital forma parte do proxecto Biblioteca Dixital Hispánica, que ten como obxectivo a consulta e difusión pública a través de Internet do patrimonio bibliográfico español conservado na Biblioteca Nacional.
Esta Hemeroteca nace en marzo de 2007 para proporcionar acceso público á colección dixital de prensa histórica española que alberga a Biblioteca, cunha colección inicial composta por 143 títulos de prensa e revistas.
Continuará medrando, conforme nos permita o presuposto, para cubrir a evolución histórica das revistas e cabeceiras de prensa españolas, dende os seus inicios ata case mediados do século XX, respectando sempre as limitacións que marca a nosa lexislación en temas de propiedade intelectual.
O criterio que guiou a composición desta colección foi seleccionar xornais e revistas representativos da súa época, que reflectisen a riqueza temática da edición hemerográfica hispana. Así pois, os que visiten a hemeroteca encontrarán prensa política satírica, humorística, científica, relixiosa, ilustrada, amena, deportiva, artística, literaria, etc.
A aplicación que xestiona a colección permite buscar tanto un título concreto coma un conxunto de publicacións editadas nun lugar ou nunha data determinada. Dende a pantalla de resultados accédese á lectura dos textos dixitalizados.
O formato das publicacións dixitais é PDF con OCR, o que permite buscar calquera tema que se desexe no texto da publicación. Grazas a estas novas posibilidades de busca textual, a Hemeroteca Dixital convértese nunha magnífica ferramenta para a investigación.
Esta colección dixital nace coa intención de se converter nun referente para a investigación e consulta tanto das revistas coma da prensa histórica española. Ademais de proporcionar a lectura e consulta dos textos, ofrece información sobre as principais coleccións hemerográficas dixitais, facilitando deste modo o coñecemento e acceso ao aínda en parte inexplorado “patrimonio hemerográfico español”.