Prensa e revistas
A Biblioteca Nacional de España conserva nos seus edificios de Recoletos e Alcalá de Henares a prensa e as revistas impresas en España. Tamén alberga as valiosas coleccións de revistas estranxeiras, antigas e modernas, adquiridas de acordo coa súa política de desenvolvemento das coleccións. Así mesmo, xestiona a asignación do ISSN, número internacional de publicacións seriadas, e coordina o Catálogo Colectivo de Publicacións Periódicas.
A colección compleméntase cunha selección de revistas especializadas que se conservan e se poden consultar nas Salas Especiais.
Historia da colección
A colección de publicacións seriadas da Biblioteca Nacional ten dúas procedencias, por unha parte, en 1933 o Padroado da Biblioteca Nacional creou a Sección de Revistas e a súa instalación foi dirixida polo bibliotecario Miguel Artigas. Por outra, a Biblioteca Nacional conserva os fondos da Hemeroteca Nacional, creada en 1943 para apoiar as ensinanzas da recén creada Escola Oficial de Periodismo.
Dende 1957, a colección de seriadas está composta por prensa que entra a formar parte da BNE a través do Depósito Legal, lei que obriga á cesión de dous exemplares de todo o que se imprime en España, aínda que tamén a compra, o troco e os donativos representaban importantes vías de ingreso de títulos na Biblioteca, fundamentalmente de publicacións estranxeiras. Os exemplares da Hemeroteca Nacional procedían, basicamente, da "censura previa", é dicir, dos números que as publicacións tiñan que enviar á censura gobernativa derivada das leis de prensa de 1938 e de 1966. Pronto incorporouse tamén fondo antigo mediante a compra de títulos representativos. También procede da Hemeroteca Nacional o fondo González Echegaray de xornais españois da Guerra da Independencia. Coa promulgación dos Decretos 565/1985 e 848/1986, a Hemeroteca Nacional intégrase na estrutura da Biblioteca Nacional e únense as coleccións de ambas as dúas institucións.
Na actualidade, a Biblioteca Nacional conserva nos seus dous edificios de Recoletos e Alcalá de Henares as publicacións periódicas imprimidas en España, as revistas estranxeiras adquiridas de acordo coa súa política de desenvolvemento das coleccións e as valiosas coleccións de revistas científicas ou literarias de todo o mundo e de diferentes épocas recibidas a través de distintos donativos ou incautacións. En 1996 a Hemeroteca intégrase fisicamente na Biblioteca e os seus fondos distribúense nos dous edificios actuais: Recoletos e Alcalá de Henares.
Os fondos
Dentro dos fondos de publicacións periódicas encontramos diversas categorías como son revistas, prensa, anuarios, boletíns, guías, memorias e informes.
De entre as revistas, destaca a colección das principais revistas científicas europeas dos séculos XVII-XIX, as numerosas publicacións de Hispanoamérica, sobre todo de Cuba, Filipinas e Porto Rico, e as máis importantes revistas españolas, recibidas por compra, donativo ou traslado de grandes bibliotecas privadas e institucionais á Biblioteca Nacional. Na actualidade a Biblioteca Nacional posúe máis de 140.000 títulos de revistas. O crecemento anual é duns 3.000 títulos de publicacións, que ingresan non só en papel, senón tamén en CD-ROM, fitas e disquetes.
A Biblioteca Nacional conserva a colección máis importante de prensa imprimida española. O crecemento dos títulos recibidos pola Biblioteca foi exponencial, sobre todo a partir da regulamentación do Depósito Legal, conforme o Decreto do 23 decembro de 1957. Estes títulos inclúen dende as primeiras publicacións periódicas españolas (Avisos ou Gacetas...) á última publicación ingresada por Depósito Legal ou por outras vías de entrada de fondos, como son a compra, o troco ou o donativo. Á "colección nacional" de prensa hai que engadir unha importante colección de prensa estranxeira, na que se encontran os principais periódicos do mundo, destacando a prensa iberoamericana do século XIX de Cuba, Filipinas e Porto Rico.
A colección de seriadas tamén inclúe Anuarios e Anais de sociedades científicas e comerciais, Boletíns, Guías, Memorias e Informes de Institucións públicas e privadas, valiosos documentos insubstituíbles para o traballo de investigación histórica.
Como parte da "colección nacional", que abarca toda a produción nacional imprimida, consérvanse as publicacións oficiais españolas, entre as que se destacan todos os boletíns oficiais do Estado, das Cortes, das Comunidades Autónomas, provinciais e municipais.