Colección Comín Colomer
A colección especializada en Historia Contemporánea de España “Comín Colomer” é unha das coleccións máis singulares que alberga a Biblioteca Nacional. Constituíu unha sección especial (desaparecida como tal hoxe día) en 1981, con depósito e sala de lectura propios, integrada tanto polos fondos da antiga Sección de Estudos sobre a Guerra de España (dependente da Secretaría Técnica do Ministerio de Información e Turismo) como polos reunidos por Eduardo Comín Colomer e doados pola súa viúva, Julia Martín, á Biblioteca Nacional en 1975.
Eduardo Comín Colomer (Zaragoza 1908-Madrid 1975) que chegou a ser director da Escola Xeral de Policía, director do Instituto de Estudos da Policía e Comisario de Policía, sempre estivo ligado á policía política do franquismo e á teoría da conspiración judeo-masónica-comunista. Como escritor e como policía estivo obsesionado coa masonería e o xudaísmo, pero tamén co anarquismo, o terrorismo, o comunismo e todo o que el consideraba os “inimigos de España”. Comín foi un gran coleccionista de libros e folletos sobre todo de obras antimasónicas, de obras que mostran a vinculación entre masonería e xudaísmo, de autores vinculados á extrema dereita e ao fascismo, pero tamén de obras escritas polos “inimigos do estado” comunistas e masones. Este legado, coñecido polos investigadores como o “fondo Comín”, consta duns 15.000 libros, xornais e folletos difíciles de atopar actualmente, que versan sobre os seguintes temas:
- Historia Xeral.
- Historia de España no IIª República e a Guerra Civil, movementos políticos e sociais, anarquismo, comunismo, fascismo…
- Temas policiais e crimes famosos.
- Masonería e sociedades secretas.
Constitúe a que é, posiblemente, a mellor colección bibliográfica existente sobre a Guerra Civil española, reunida, en parte, a través da actividade política de Comín Colomer. Na actualidade, non existe unha sección independente, a colección consérvase no Depósito Xeral e consúltase, mediante carné de lector, no Salón de Lectura María Moliner e na Sala de Prensa e Revistas Larra. O Servizo de Información Bibliográfica orienta aos lectores sobre este fondo e sobre outras bibliotecas e centros especializados.
Acceso aos fondos da Colección Comín Colomer
Pódese acceder aos fondos da Colección desde o catálogo de autoridades buscando por Comín Colomer, Eduardo 1908-1975. No rexistro de autoridade hai unha ligazón ás obras da súa colección na BNE