Carteis
O inicio da colección de carteis parte da iniciativa impulsada en 1867 por Genaro Alenda e Mira, bibliotecario da Biblioteca Nacional, que conseguiu pór en marcha un proxecto non moi frecuente nas bibliotecas desa época: incluír dentro dos fondos dunha biblioteca nacional un tipo de material que non era habitual nas coleccións deste tipo de institucións. Apoiado polo director da biblioteca, Juan Eugenio Hartzenbusch, propuxo ao goberno a creación dunha nova sección que recibiría o nome de Varios.
HISTORIA DA COLECCIÓN
O fondo de carteis da Biblioteca Nacional de España está formado por tres coleccións. As devanditas coleccións son: os carteis publicitarios e os da República e a Guerra Civil depositados no Servizo de Debuxos e Gravados, e os carteis que entraron dende 1957 pola Lei de depósito legal, que se encontran na sede que a Biblioteca Nacional ten en Alcalá de Henares.
A colección de carteis publicitarios empezouse a formar en 1867 grazas á iniciativa de Genaro Alenda y Mira, bibliotecario da Institución que propiciou a creación dunha Sección de Papeis Varios. Alenda, entre os anos 1870 e 1889, formou un conxunto de obras ingresadas por compra, por doazón e por depósito dos impresores cumprindo a antiga Lei de depósito legal. Os carteis que reuniu chegaron, tras sucesivos traslados, aos depósitos do Servizo de Debuxos e Gravados nun lamentable estado de conservación. No ano 2002, e tras un importante labor de restauración, déronse a coñecer mediante a exposición e o catálogo "Memoria de la seducción: carteles del siglo XIX en la Biblioteca Nacional", onde se estudan e catalogan duascentas vinte e catro pezas.
A colección de máis de cincocentos carteis da República e a Guerra Civil foi adquirida en 1982 a un particular polo Centro Nacional do Tesouro Documental e Bibliográfico do Ministerio de Cultura para a Biblioteca Nacional, e foise incrementando con novas adquisicións. O estudo e catalogación dos carteis están recollidos no Catálogo de carteis da República e a Guerra Civil Española publicado en 1990.
A partir de 1957, empezan a ingresar na Biblioteca Nacional, en virtude da Lei de depósito legal, miles de imaxes sobre papel; destaca unha xigantesca colección de carteis, que xa supera o millón de unidades, que se van catalogando na sede que ten a Biblioteca Nacional de España en Alcalá.
OS FONDOS
Dentro da colección de carteis publicitarios do século XIX, atopamos diferentes categorías segundo as distintas actividades anunciadas neles: carteis de circo, de teatro, taurinos, de feiras, festas e exposicións, de viaxes e transportes, de mercadorías, de carreiras de cabalos, de publicacións, de bailes, políticos e carteis varios. Entre os principais autores, destacan Daniel Perea, Alfredo Perea, Marcelino de Unceta, Manuel Salvi, C. Chavez, R. de Almodóvar, J. Pastor, Francisco Ortego e Jules Chéret.
Os carteis da República e a Guerra Civil son unha excelente mostra do cartelismo español político e de guerra. Nesta colección encontramos cinco grandes bloques temáticos: retratos e representacións alegóricas, campañas electorais, carteis de guerra, a retagarda e carteis nacionais. Entre os seus autores, algúns dos máis destacados ilustradores e cartelistas: Alumá, Arteche, Ballester, Bardasano, Bofarull, Camps, Castanys, Clavé, Fábregas, Goñi, Guillermo, Llimona, Mallafré, Martí-Bas, Melendreras, Monleón, Morell, Renau, etc. Esta colección foise incrementando pouco a pouco con sucesivas compras.
Recentemente, adquiríronse algúns carteis de principios do século XX de importantes cartelistas españois desta época como Casas, Riquer, Baldrich, Martra, Nualart, Utrillo, Penagos, etc.