Carteis publicitarios
O cartel publicitario ou comercial ten como obxectivo principal a venda dun produto ou a difusión dun establecemento comercial. Para conseguilo emprega mensaxes concisos e imaxes atraentes e impactantes. Neste tipo de carteis a imaxe é o principal e canto máis rechamante sexa, mellor alcanzarase o obxectivo que pretende.
Case desde o comezo da súa existencia o cartel convértese nun medio de fácil acceso, xa que a mensaxe transmítese de forma directa. Está presente na rúa, é un elemento máis do mobiliario urbano, reflexo dos intereses e gustos dunha sociedade nunha época determinada. Tanto os establecementos máis prestixiosos como os pequenos comercios imprimían carteis para promocionar os seus comercios e produtos e estes carteis convertíanse tanto en reclamo publicitario como en obxectos decorativos.
Os carteis comerciais forman parte da colección da Biblioteca desde o seu inicio, sendo un dos máis antigos e coñecidos os de Chocolates Matías López, impreso cara a 1871.
En moitos carteis comerciais non aparece o nome do ilustrador, ben por prohibición expresa da casa anunciadora, ou ben polo escaso prestixio que tiña o mundo da publicidade ata mediados do século XIX. Con todo, existen exemplos de artistas relevantes como Ramón Casas, Rafael de Penagos, Gustavo Bacarisas, Jules Cheret, Gaspar Camps, etc., que ilustran algúns dos carteis comerciais máis coñecidos.
Existen tantos tipos de carteis publicitarios como produtos poidan difundirse. Podemos clasificalos segundo o tipo de establecemento e produtos que promocionan. A grandes liñas, dentro da colección de carteis publicitarios podémonos atopar con carteis de alimentación e bebidas, carteis de vestir e moda e carteis de agasallos, tabaco, perfumaría e outros.