Carteis de espectáculos, festas e outros eventos
Os carteis de espectáculos experimentan un momento de esplendor a partir da segunda metade do século XIX, co auxe da burguesía, que pode dedicar máis tempo e recursos ao lecer e ao consumo cultural. Comézanse a empapelar as rúas dos principais núcleos urbanos con numerosos carteis para publicitar diversas actividades de lecer, como corridas de touros, teatro, circo, music hall, varietés, bailes, eventos deportivos, entroidos, festas, etc.
Nestes carteis pódese apreciar a evolución artística, gráfica e de contido das diferentes épocas. Mentres que os carteis deseñados en épocas anteriores tiñan como obxectivo principal ofrecer meramente información práctica, sendo carteis nos que predominaba a tipografía, coa chegada da cromolitografía a imaxe convértese no centro de atención e os artistas atopan no cartel un medio de expresión no que levar as súas obras ao gran público. Neste caso non se publicita un obxecto en concreto senón unha sensación que perdurará no recordo de quen poida chegar a obter unha entrada, véndense emocións, que o cartel trata de expresar facendo uso dos recursos estilísticos e técnicos de cada época.
A colección de carteis de cinema, teatro e outros espectáculos están moi relacionados con outros documentos que se conservan na Biblioteca como os programas de man, que eran un avance do que os espectadores ían poder gozar e as portadas das gravacións sonoras e audiovisuais en discos, cassetes, vídeos, etc.