Relacións de sucesos
As relacións de sucesos son impresos de poucas páxinas onde se relataban os feitos máis importantes ocorridos en calquera parte do mundo coñecido que suscitasen o interese e a curiosidade do lector. Estes documentos, que son o xerme da prensa, tiveron un gran éxito no século XVII, pero empezaron a publicarse moito antes impulsados polas novas rutas de correos e a invención da imprenta.
A súa temática é moi variada: episodios bélicos onde se contaban batallas terrestres ou navais, asedios, rendicións, etc. Tamén hai un amplo número de relacións de solemnidades e festexos, especialmente das dedicadas aos monarcas cuxas actividades atraían o interese da corte, desde vodas reais e nacementos de príncipes ata viaxes e exequias. Sobre fenómenos da natureza atopamos relatos dos estragos provocados por terremotos, volcáns ou inundacións. De tema relixioso abundan as narracións sobre conversións, martirios, autos de fe, milagres ou festas relixiosas. Tamén espertaban gran curiosidade os relatos de feitos fabulosos, como a aparición de seres monstruosos ou fantásticos.
Impresas en papel de mala calidade e concibidas para informar e entreter con acontecementos próximos no tempo, estaban destinadas a non conservarse en gran número. Con todo, grazas a coleccionistas, bibliófilos e historiadores que as conservaron por diversos motivos, a BNE conta cunha colección que supera as 4.000 edicións. Na formación deste fondo destacan tres figuras: o cronista portugués Jerónimo Mascarenhas, que as recompilaba xunto con outros documentos para o seu labor cronística; o bibliófilo Pascual de Gayangos, cuxa biblioteca albergaba máis de mil edicións de relacións impresas; e o bibliotecario Jenaro Alenda, estudioso das relacións sobre solemnidades e festas e impulsor da creación dunha Sala de Varios, que fomentou o ingreso de moitos destes exemplares.
Aínda que non destacan pola súa calidade literaria nin material, son fontes moi valiosas para a historia, a filoloxía, a socioloxía ou a historia da arte, entre outras disciplinas académicas, pois o seu estudo pode enfocarse desde diversos puntos de vista.